Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta inviste máis de 852.000 euros para mellorar 9 parques empresariais da provincia da Coruña


Esta orde de axudas ten como obxectivo impulsar as infraestruturas dos polígonos
A Xunta de Galicia apoiará 9 proxectos de mellora de parques empresariais na provincia da Coruña, concretamente, nos concellos de Oroso, Boqueixón, Ordes, Santa Comba, Coirós, Cambre, Fene, Carballo e Ribeira. Todos os proxectos pertencen a Concellos Emprendedores e a maior parte das obras terán como obxectivo a realización de infraestruturas viarias
As axudas apostan por fortalecer o tecido empresarial e a súa competitividade, así como impulsar as infraestruturas dos polígonos da nosa Comunidade.
Na provincia da Coruña destínanse máis de 852.000 euros, que mobilizarán máis de 1,1 millóns de euros, nun total de 9 proxectos que se realizarán en 9 parques empresariais. A maior parte das axudas -6- teñen como obxectivo o desenvolvemento de infraestruturas viarias, pero tamén se acometerán iniciativas relacionadas coa instalación de plantas de depuración de auga, colectores con vertedura á depuradora municipal e instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial.
Esta orde de axudas contribúe a apoiar aos concellos galegos e supoñen un impulso para a captación de investimentos en Galicia, cumprindo así un dos obxectivos prioritarios da Lei de implantación empresarial. Permiten fortalecer o tecido empresarial mellorando a súa competitividade a través de infraestruturas que axudan a mellorar a oferta de solo empresarial, repercutindo na creación de emprego.
Este ano, ademais, convocouse por primeira vez unha nova liña de apoios para o reforzo e extensión das redes de distribución eléctrica (ampliación de potencia da subministración eléctrica) á que se destinan 4,4 M€ e que estará aberta ata o 6 de agosto. O obxectivo é cubrir a necesidade dos parques empresariais galegos de contar cun abastecemento de enerxía eléctrica a través de redes de distribución que acheguen seguridade e calidade ásdemandas das empresas instaladas.
Desde o ano 2009 a Xunta leva apoiado, a través desta orde de axudas, o desenvolvemento dun total de 593 proxectos en 150 parques empresariais, o que supuxo un investimento para a Administración autonómica de 41,8 M€.